UGT Vigo

traballadores de Vigo e comarca

UGT Vigo - desemprego,

  • Aumenta o paro e o escaso emprego que se xera é precario con tan só un 7% de contratación indefinida

    O desemprego medra, segundo os datos do paro de setembro publicados hoxe polos servizos públicos de emprego. O escaso emprego que se crea é moi precario, sendo a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total de tan só o 7,21 por cento, e mantéñense os altos niveis de desprotección, xa que a taxa de cobertura deixa fóra ao 46,7 por cento dos desempregados.

    Continúa producíndose un abuso inxustificado da contratación temporal que, xunto á desvalorización salarial, están conducindo cara un modelo de crecemento desequilibrado que está empobrecendo aos traballadores e á poboación en xeral.

    Este é o modelo que afianzou a política de recortes do Goberno e que provocou que os fogares en Galicia perderan máis do 4 por cento da súa renda dende o 2012 e que o 25,7 por cento da poboación galega viva en risco de pobreza e exclusión social.

    Deste xeito estase consolidando a figura do traballador pobre, persoas que, a pesar de ter un posto de traballo, non gañan o suficiente para saír do limiar da pobreza. E os gobernos do PP, tanto en Galicia como no Estado, agora en funcións, son os principais responsables.

  • Cada vez máis baixa e preocupante cobertura de desemprego

    UGT-Galicia considera que o dato do paro rexistrado do mes de agosto en Galicia non pode ocultar os altos índices de rotación laboral e precariedade, eivas que están lastrando ao mercado laboral da nosa Comunidade. Como consecuencia desta debilidade do mercado laboral galego, a taxa de cobertura das persoas desempregadas en Galicia e do 53% deixando fora do sistema de protección por desemprego a 84.830 persoas, sete puntos por baixo da cobertura estatal. Esta mesma debilidade traslúcese no feito que tanto as mulleres como os mozos menores de 25 anos seguen sendo os colectivos máis prexudicados polo desemprego en Galicia.

    En Galicia aumenta o paro no mes de agosto nun 0,62%, con moita menor intensidade que no Estado, onde o fai cun 1,50%. É destacable que despois de seis anos de baixadas do paro rexistrado no mes de agosto, este ano, en Galicia, sube. Hai, polo tanto, 164.424 persoas desempregadas en Galicia, 1.012 máis que no mes anterior. No Estado hai 3.182.068 persoas desempregadas, o que representa un aumento de 47.047 persoas desempregadas.

    Se temos en conta a variación interanual, hai en Galicia unha contracción do 9,2%, 16.701 persoas desempregadas menos e neste caso tamén cunha contracción moito maior que na media estatal, onde a baixada foi do 6% (200.256 desempregados menos).

  • Por segundo mes consecutivo, increméntase o paro, evidencia dun mercado laboral estacional e precario

    Xa por segundo mes consecutivo o desemprego medra en Galicia, o que evidencia que cando se produce unha recuperación do emprego esta é tan débil, baseada en traballos estacionais, que non permite o mantemento estrutural da mellora do mercado laboral galego.

    Ademais, este mes, os datos que se rexistran en Galicia teñen aínda peor comportamento que no resto do Estado. O desemprego medra nun 2,37 por cento, cifra superior ao 1,20 por cento estatal, e, mentres no resto do Estado conseguen rexistrar un crecemento da afiliación á Seguridade Social, nesta Comunidade a evolución é contraria, esta baixa nun 0,14 por cento.

    Para UGT-Galicia, nun contexto de recuperación das cifras macroeconómicas, a mellora da calidade do emprego e das rendas do traballo resulta fundamental para o sostemento da demanda interna, vía consumo, e da economía no seu conxunto.

    Os novos gobernos, tanto en Galicia como no Estado, deberían poñer en marcha, cada un deles dentro das súas competencias, plans de choque polo emprego, con recursos adicionais para a protección das persoas desempregadas de longa duración ao tempo que se incrementen as partidas destinadas ás políticas activas que melloren a empregabilidade e a inserción dos traballadores.

    Neste senso, o Sindicato insta ao novo Goberno da Xunta a que nos Orzamentos para o 2017 se comprometa en materia de políticas activas de emprego, rompendo a tendencia deste últimos anos nos que reduciron moi significativamente as

    achegas neste eido, a pesar da crítica situación do mercado laboral. UGT-Galicia lémbralle ao novo Executivo que a Xunta ten plenas competencias en materia de políticas activas de emprego e que debe exercelas acompañándoas de partidas orzamentarias que garantan o seu cumprimento e efectividade.

    Afondando nos datos facilitados hoxe, estes indican que o desemprego medrou nun 2,37 por cento, 4.604 persoas en paro máis que no mes anterior, fronte ao 1,2 por cento de incremento que se rexistra no resto do Estado.

    En relación a hai un ano, o paro baixou nun 10,4 por cento e un 9,85 por cento no resto do Estado.