UGT Vigo

traballadores de Vigo e comarca

UGT-Galicia denuncia que o emprego que se crea é temporal, de baixa calidade e baixos salarios

Os datos constatan que, nos momentos nos que se xera emprego, este é estacional e, ademais, precario. E xa non é que continúe enquistada a temporalidade, e que esta increméntase en relación a hai un ano, a pesar de que as mensaxes máis triunfalista falan continuamente de recuperación e melloría significativa do mercado laboral. Pois en Galicia a taxa de temporalidade xa é do 27,2 por cento, fronte ao 26,8 por cento do resto do Estado, e esta medra en relación ao mesmo trimestre do ano anterior en 1,4 puntos, xa que hai un ano esta era do 25,8 por cento. Ademais, UGT denuncia que ascenden outras formas de subemprego.

E, neste senso, as políticas do Goberno, lonxe de corrixir a dualidade do mercado de traballo, están estendendo a precariedade e a desigualdade do mercado laboral.

A PARCIALIDADE INVOLUNTARIA XA É DUN 61,8 POR CENTO

Por outro lado, a parcialidade involuntaria xa é dun 61,8 por cento. É dicir, de cada cen ocupados que hai en Galicia a tempo parcial, case 62 desexarían facelo a tempo completo.

Ademais, persiste a precariedade no desemprego con 116.700 persoas que levan máis dun ano no paro pero é que a gran maioría, 85.600, levan dous ou máis anos nesta situación. A isto se lle engaden 68.500 vivendas con todos os activos no paro e 35.800 sen perceptores de ingresos.

Valores insostibles, sobre todo, se se compararan cos que se rexistraban no terceiro trimestre de 2009, 44.800 vivendas con todos os activos no paro e 19.700 fogares sen ingresos. Isto vai parello a taxas de cobertura baixo mínimos e unhas políticas de emprego que non son efectivas á hora de mellorar a empregabilidade das persoas, especialmente a dos parados de longa duración.

Outras das cifras que achega hoxe a EPA indican que en Galicia no segundo trimestre de 2017, en relación ao primeiro trimestre, medra a ocupación nun 1,48 por cento, aínda que de xeito menos acusado que no resto do Estado, 2,03 por cento. Con respecto a hai un ano, a ocupación medra un 1,44 por cento, tamén por debaixo do resto do Estado, onde a suba foi do 2,8 por cento.

Así, en Galicia as cifras de ocupación sitúanse en 1.048.900 persoas, cunha taxa do 44,8 por cento, afastada aínda dos valores superiores ao 50 por cento de antes da crise.

O paro baixa un 7,22 por cento, en 15.700 persoas en relación ao trimestre anterior e nun 9,63 por cento en relación a hai un ano. Hai 201.500 persoas en situación de desemprego en Galicia e con taxas de paro que seguen a ser inasumibles, do 16,1 por cento.

DE XEITO ESTRUTURAL, DIMINÚE A POBOACIÓN EN IDADE DE TRABALLAR. UN MERCADO LABORAL CONTRAÍDO

Hai que salientar que a evolución destas cifras é a propia do segundo trimestre do ano polo efecto das contratacións estivais. Agora ben, de xeito estrutural constátase a persistencia da diminución da poboación de 16 ou máis anos, no ano 5.600 menos, deste total, 2.000 menores de 25 anos. É dicir, cada vez hai menos poboación en idade de traballar, un mercado laboral cada mes que pasa máis contraído. E non só cae a poboación en idade de traballar, senón que cae aínda máis no caso de aqueles que están formando parte ou desexan formar parte do mercado laboral. Así, cae a poboación activa en 6.600 persoas e medra a inactiva en 1.100. A taxa de actividade en Galicia é de tan só o 53,3 por cento.

Por sectores, a ocupación, con respecto ao trimestre anterior, medra en todos, coa excepción do sector primario. En termos absolutos a ocupación medra no sector servizos en 10.500 persoas, o 69 por cento do total da ocupación. Aquí evidénciase o carácter estacional da ocupación, polas contratacións de verán.

Con respecto a hai un ano, a ocupación medra en todos os sectores, salvo na construción, con 4.000 ocupados menos.

Por sexos, as mulleres seguen a ser as máis prexudicadas da evolución do mercado laboral, a taxa de paro entre os homes é dun 15,3 por cento, fronte ao 17 por cento no caso das mulleres.

OS MENORES DE 25 ANOS SOPORTAN TAXAS DE PARO DO 35 POR CENTO

Os máis mozos, os menores de 25 anos, soportan unha taxa de paro xa do 35 por cento, é dicir, 35 mozos de cada cen da poboación activa menor de 25 anos en Galicia está no paro.

No trimestre medran os asalariados con contrato indefinido e os que teñen contrato temporal, máis estes últimos, 0,61 por cento, fronte a 8,03 por cento. En termos interanuais, eliminando compoñentes estacionais, os indefinidos caen nun 0,66 por cento e medran os temporais nun 6,9 por cento. Unha mostra máis da precariedade do mercado laboral galego, froito, basicamente das reformas laborais impostas.

Ante estas cifras, UGT-Galicia considera que as políticas de emprego deben enfocarse á mellora das oportunidades de emprego, con medidas como as propostas polo Sindicato na mesa de negociación do plan de choque polo emprego, destinadas ás persoas desempregadas de longa duración, con iniciativas concretas para os maiores de 50 anos, así como, con accións efectivas no marco do Plan de Garantía Xuvenil, necesarias para atallar as altas taxas de paro dos máis mozos, que chega ao 35 por cento, como a recuperación e o impulso dun novo contrato relevo.

 

R/ García Barbón, 67             36201 Vigo
Teléfono: 986443428
Fax: 986228926
Email:  ugtvigo@galicia.ugt.org

Delegación

UGT Porriño

​Antonio Palacios, s/n
36400-Porriño
986336552

 CONCELLO VIGO 2

vida 1 

Videos da UGT

 

Facebook