UGT Vigo

traballadores de Vigo e comarca

Vigo mobilízase para demandar “Traballo decente xa”

Miles de persoas participaron hoxe nas concentracións, convocadas por UGT-Galicia, xunto con CCOO, nas cidades e vilas galegas para conmemorar a Xornada mundial polo traballo decente que ven promovendo a CSI cada 7 de outubro dende o ano 2008.

Nesta ocasión, esta xornada foi convocada baixo o lema “Alto á avaricio corporativa. Non aos contratos lixo, aos baixos salarios e á precariedade. Traballo decente xa!”.

Se os gobernos non poñen límites e condicións á actuación das empresas e estas perseguen como único obxectivo obteren o máximo beneficio ao menor custo, o modelo económico e comercial —baseado en cadeas de subministracións, grandes multinacionais, deslocalización de empresas, subcontratación e franquías— acrecentará a explotación, a desigualdade e a pobreza en todo o mundo.

Nos ámbitos nacional e internacional, este modelo no que prima a avaricia prexudica a millóns de persoas que traballan en condicións de escravitude, explotación ou irregularidade, por salarios baixos ou miserentos que estenden a pobreza. Un modelo que, ademais, suprime dereitos fundamentais, incluídos os que lles permiten ás traballadoras e traballadores organizárense, negociaren e defendérense colectivamente. As políticas de austeridade, as sucesivas reformas laborais e a lei mordaza agravaron a situación.

UGT esixe traballo decente, respecto aos acordos de negociación colectiva e aos dereitos laborais das persoas directamente empregadas polas empresas e as grandes multinacionais, pero tamén dos traballadores e traballadoras que constitúen unha man de obra oculta mediante as diferentes fórmulas de subcontratación, deslocalización ou franquías. É preciso establecer mecanismos reais e efectivos que permitan esixir responsabilidades ás empresas pola súa actuación, tanto dentro coma fóra do noso país.

UGT, con motivo da Xornada Mundial polo Traballo decente, esixe:

Garantir por lei que as empresas que subcontraten —mediante calquera fórmula— sexan responsables subsidiarias dos salarios e da protección social dos traballadores e traballadoras das empresas subcontratadas, con independencia de onde se atopen.

Esixirlles ás empresas que utilizan cadeas de subministración que todos os seus provedores, tanto no noso territorio como no estranxeiro, manteñan condicións de emprego decentes, respecten os convenios colectivos e os dereitos fundamentais, incluídos os dereitos sindicais.

Establecer por lei, como requisito na contratación pública, que as empresas con que se contraten bens ou servizos respecten os convenios colectivos aplicables e condicións de traballo decente, unha esixencia que estendemos ás franquías e filiais das grandes empresas, tanto no noso país como no estranxeiro.

Derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, e recuperar

os dereitos arrebatados aos traballadores e traballadoras.

Combater e desigualdade e a pobreza mediante unha prestación de ingresos mínimos que garanta os recursos básicos ás persoas que carecen de emprego.

Establecer subas salariais que contribúan ao crecemento económico e do emprego. No marco da negociación colectiva, profundar no desenvolvemento de cláusulas que axuden a impulsar o emprego e, sobre todo, a mellorar a súa calidade.

Fixar un SMI de 800 euros o primeiro ano e subas progresivas durante a lexislatura, ata acadar o 60 % do salario medio do noso país.

Derrogar a Lei 4/2015 de protección da seguridade cidadá (lei mordaza) e o artigo 315.3 do Código penal, que criminaliza facultades esenciais para exercer o dereito de folga.

Instamos o Goberno a modificar o Estatuto dos Traballadores para cumprir a Directiva 1999/70/CE e as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza da UE o pasado día 14 de setembro, que sinalan a discriminación e o abuso na contratación temporal no noso país.

CARTEL 1 MAIO 2017 GAL Vigo 001 1

R/ García Barbón, 67             36201 Vigo
Teléfono: 986443428
Fax: 986228926
Email:  ugtvigo@galicia.ugt.org

Delegación

UGT Porriño

​Antonio Palacios, s/n
36400-Porriño
986336552

vida 1 

Videos da UGT

 

únete a nós

Facebook